CRTVG

Buscar

A familia de Socorro Pérez confía en que o novo comisario dea pulo á investigación

Publicado o 13/03/2018 14:33

Mentres, en Ourense, a Policía Nacional continúa traballando intensamente para esclarecer a morte de Socorro Pérez, a piques de facer tres anos dende que apareceu morta nun monte próximo ao seminario. A familia pon a esperanza no comisario que acaba de chegar, para dar co autor ou autores deste crime.

Sen avances dende hai tres anos. A familia de Socorro Pérez non atopa acougo. Non saben quen puido acabar coa súa vida. Atopárona morta en xuño do 2015 na zona do seminario, o seu corpo presentaba numerosos signos de violencia. Os poucos avances que se están conseguindo na investigación do asasinato ameazan con poñer punto e final ao procedemento que continúa baixo segredo de sumario. Pero o novo comisario xa adiantou que a policía continúa investigando e que o caso non está esquecido.

"Esa investigación segue viva, non está nin moito menos pechada, séguese avanzando e investigando naquelas liñas novas que poidan xurdir e nas que xa temos en marcha. Para nós é algo que non podemos deixar pasar nin é nada pasado, algo moi presente e moi activo", dixo Juan Carlos Blázquez, comisario de Ourense.

A chegada do novo comisario parece darlle esperanzas á familia. Só piden que non se esqueza o caso. 

"Que sexa pertinaz, que sexa constante a comisaría e a ver se podemos saír deste desacougo e temos noticias favorables, porque o tempo pasa e o crime da miña curmá Socorro Pérez non se esclarece, iso para a familia é unha lousa moi forte e unha dor continua e sobre todo caemos na desesperanza", di o  voceiro da familia.

Fai un chamamento para que este caso non se esqueza e que se faga todo o posible para poñer o autor ou autores do crime a disposición da xustiza. 

"Estamos vendo que nos últimos casos de desaparicións e crimes, as forzas de seguridade, tanto en Galicia como fóra de Galicia e no resto do Estado español si que poñen empeño, si que están a traballar, si que se están a mobilizar e iso é o que hai que facer con calquera persoa, non pode haber vítimas de primeira e vítimas de segunda", di o voceiro da familia.

Queren saber quen o fixo e o por que. Di que é moi duro pensar que alguén poida quedar impune despois de cometer tal barbarie.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018