CRTVG

Buscar

A familia de Laura Luelmo pídelle ao Estado unha desculpa por non garantir a vida da súa filla

Publicado o 31/01/2019 16:37

A familia de Laura Luelmo pídelle ao Estado unha desculpa pública polo fracaso do sistema penitenciario que deixou libre o asasino confeso da súa filla. Faino a través dunha carta remitida ás Cortes de Castela e León da que hoxe se fai eco o xornal ABC. Son contundentes. Piden unha revisión do Código Penal para que este tipo de delitos sexan duramente castigados.

A familia de Laura Luelmo deixa o segundo plano e ponse no foco mediático. Móveos a dor e a indignación que senten polo brutal asasinato. Rachan o seu silencio cunha carta que envían ás Cortes de Castela e León. Nela cargan directamente contra o Estado, ao que acusan de non ser capaz de garantir o dereito á vida e á integridade física da súa filla, expoñéndoa a un ser monstruoso.

Un ser que, nas palabras da familia de Laura, despois de pasar pola cadea volve cometer dous actos de asasinato e agresión sexual. Os mesmos delitos polos que antes cumpriu cadea.

Aos políticos pídenlles que senten, pensen, reflexionen e despois actúen. E algo máis. A familia de Laura Luelmo pídelle ao Estado unha desculpa pública polo fracaso do sistema penitenciario que deixou libre o asasino confeso. Son contundentes.

Piden unha revisión do Código Penal para que este tipo de delitos sexan real e duramente castigados máis aló da reprobación pública co fin de que os asasinos e violadores non poidan seguir violando e matando e para que as penas por este tipo de delitos se cumpran íntegras.

Non reparan en cualificativos para o asasino confeso da súa filla: os montros e seres perversos non poden convivir nunha sociedade á que odian e contra a que van seguir actuando.




 

Noticias web

31/01/2019