CRTVG

Buscar

A familia de Elisa Abruñedo non perde a esperanza de atopar o responsable da súa morte hai oito anos

Publicado o 01/09/2021 13:51

Hoxe fai oito anos da morte violenta en Cabanas de Elisa Abruñedo. A muller aparecera morta preto da súa casa. O caso segue aberto e a súa familia, especialmente o seu fillo Adrián, aínda non perde a esperanza de dar co autor deste crime, que segue libre. As pescudas continúan e os cribados voluntarios de ADN parecen desbotar que o asasino pertenza ao círculo da vítima. A loita por descubrilo segue a ser unha teima irrenuncible da familia.

Hoxe é un deses días díficil de esquecer para Adrián. Fai 8 anos da morte violenta da súa nai, Elisa Abruñedo. A muller aparecera morta preto da súa casa. Saíra dar unha volta como acostumaba e xa non regresou. Son moitos recordos para os que aínda segue a buscar unha resposta

"Dende que cheguei a casa e vimos que non volvía, saír, casi 24 horas buscando polas pistas de noite e non atopala. Seguir buscando ata que apareceu", comenta o seu fillo Adrián.

E hoxe, aínda que sabe que o presunto asasino da súa nai segue solto non perde a esperanza de atopalo

Di que a esperanza está, porque mandan unidades que traballan todos os días, "pero faise moi longo todo isto e o outro segue libre".

Os investigadores continúan levando a cabo cribados voluntarios de ADN. Adrian está convencido de que en calquera momento aparecerá algunha pista que permita avanzar na investigación.

"Ata que morra eu vou seguir loitando, non vou parar en ningún momento", comenta o fillo da vítima.

A investigación deste crime que hai oito anos conmocionou a localidade coruñesa de Cabanas segue aberta.

Noticias web

01/09/2021