CRTVG

Buscar

A familia de Diego Bello esixe resultados das investigacións sobre a súa morte

Publicado o 05/06/2020 12:59
A familia de Diego Bello esixe resultados das investigacións sobre a súa morte

Os familiares e amigos de Diego Bello, o coruñés de 32 anos abatido pola policía filipina en xaneiro, seguen pedindo xustiza e reclaman os resultados das investigacións abertas, pois desde que comezou o confinamento non tiveron noticias, segundo o voceiro da plataforma Xustiza para Diego, Francisco Lafuente.

"Desde que chegou o coronavirus non hai ningunha novidade. A nós non nos comunicaron nada. O que sabiamos antes é que había catro investigacións abertas nas Filipinas, unha por parte da policía, outra por parte da xustiza, outra por parte do Goberno e outra da Comisión de Dereitos Humanos nas Filipinas", explica Lafuente.

Todas elas, detalla, están enfocadas a "esclarecer o que pasou alí", despois de que a policía filipina afirmara que Belo era un "traficante de drogas de alto valor" e valorara a acción como unha "operación exitosa na loita contra as drogas", versión que a familia cualifica de "falsa".

Con todo, Francisco Lafuente lamenta que non souberon nada de ningunha das investigacións. "Falamos co delegado do Goberno en Galicia a principios de febreiro e díxonos que nun mes saberíase algo, pero non chegamos a saber nada antes do confinamento e durante o confinamento tampouco", apunta.

O pleno do Concello da Coruña aprobou o 5 de marzo unha declaración institucional cualificando a morte de Diego de "asasinato" e esixindo ao Goberno español que pedise xustiza ao Goberno filipino, país co que España mantén relacións diplomáticas.

Pola súa banda, o BNG instara o Congreso dos Deputados a que se fixesen as "xestións oportunas" para esclarecer os feitos que rodearon a morte do surfeiro Diego Bello, e onte mesmo volveron pedir información no pleno do Concello da Coruña. Pero "non hai novidades", lamentan desde a plataforma.

A última noticia coñecida da autopsia que se lle realizou a Diego Bello en Madrid era un informe toxicolóxico que aseguraba que non consumira ningún tipo de drogas nos seis meses anteriores á súa morte.

A outra autopsia, realizada nas Filipinas, indicaba que non había restos de pólvora no corpo, polo que "a afirmación de que disparara aos policías derrúbase", considera Lafuente.