CRTVG

Buscar

A familia de Déborah Fernández pide a intervención do ministro do Interior

Publicado o 22/06/2020 19:32
A familia de Déborah Fernández pide a intervención do ministro do Interior

A familia da moza viguesa Déborah Fernández Cervera, cuxo cadáver foi localizado a finais de abril de 2002 nunha cuneta no Rosal (Pontevedra), días despois de desaparecer, lamentou "o trato" e a "falta de interese" por parte da Dirección Xeral da Policía e do Ministerio do Interior na investigación xudicial, reaberta a finais de 2019, para esclarecer este crime. 

A través dun comunicado, esta familia explicou que, tras varias peticións infrutuosas á Policía, así como outras xestións, para conseguir que se remitan ao xulgado certos informes sobre o caso, tiveron que dirixirse directamente ao Ministerio do Interior. Nunha carta enviada polos avogados dos Fernández Cervera, pediron ao ministro Grande-Marlaska "que interveña" para que o Grupo de Homicidios atenda as peticións desta parte. 

Así, lembraron que reclaman que se facilite á familia ou ao xulgado información sobre a recollida e análise do computador e o teléfono móbil da vítima, e que se investigue a actuación de certos axentes policiais polos seus posibles vínculos (e filtración de información) cunha persoa que era sospeitosa do crime. 

A familia obtivo, como resposta do Gabinete do Ministerio, o compromiso de remitir as súas peticións á Dirección Xeral da Policía. Na mesma resposta, a directora do Gabinete expresa que lamenta que "as xestións realizadas para o esclarecemento do caso de momento fosen infrutuosas".

Os achegados da moza Déborah Fernández expresaron o seu "enorme malestar e desilusión" por esta resposta, e reiteraron que reclamarán as responsabilidades oportunas ao Estado pola "neglixente" actuación da Policía neste caso.

O Xulgado de Instrución número dous de Tui reabriu a finais de 2019 o caso de Déborah, 17 anos despois da morte da moza, para proceder á práctica de novas actuacións. Desde entón, varias testemuñas declararon ante a xuíza.

Déborah Fernández- Cervera desapareceu a finais de maio de 2002 aos 21 anos de idade, despois de saír correr pola zona de Samil en Vigo. O seu corpo foi atopado espido dez días despois nunha cuneta no concello do Rosal, a uns 40 quilómetros de distancia.

A súa familia puxo en marcha a principios do ano pasado unha campaña na plataforma  Change.org que recolleu máis de 230.000 firmas para que se reabra o caso Déborah, que foi arquivado en 2010, sen que se chegase a deter ou a imputar formalmente a ninguén.