CRTVG

Buscar

A familia de Ana Julia non cre que fose ela e a súa historia revísase con lupa

Publicado o 13/03/2018 15:29

A Ana Julia Quezada, de orixe dominicana e actual parella do pai do pequeno Gabriel, precédea un pasado que agora se pon baixo sospeita. Desde que este domingo foi detida cando levaba no seu coche o corpo do pequeno, a súa historia de máis de 20 anos en España comeza a mirarse con lupa. 

A presunta asasina chegou hai cinco anos a Las Negras coa súa anterior parella, polo que coñecía ben toda a zona. Xunto a el rexentou un bar, a tres quilómetros das Hortichuelas, antes de coñecer a Ángel Cruz.

Ao parecer non tiña traballo e convivía co pai de Gabriel en Vícar, onde este domingo foi detida. A súa anterior parella descríbea como "unha muller de caprichos caros", segundo fontes próximas á investigación.

Agora a policía confirmou que unha filla de catro anos de Quezada morreu en Burgos en 1996, onde vivía cando chegou a España. Están a analizar con maior detalle se tivo algo que ver coa caída por una fiestra da menor. Aquel caso pechouse como unha morte accidental. Pero os axentes temen agora que non fose así. 

Aínda que a Ana Julia non se lle chegou a considerar sospeitosa como tal, os veciños do barrio de Burgos onde sucederon os feitos din que sempre viron raro o sucedido.

Falan os familiares de Ana Julia

En declaracións a un informativo local de televisión desde a provincia dominicana de La Vega, onde residen, a nai e os irmáns de Ana Julia Quezada defenden a súa inocencia, din que é unha muller humilde e nada violenta. 

"Ela é unha moza moi traballadora, cun proceder moi suave. Nunca foi violenta. Estráñame que a estean acusando diso. Eu creo que non, que iso é un "biberón" que lle están montando". 

Ana Julia Quezada, de 44 anos, marchou da República Dominicana en 1995. A súa última visita foi hai un ano. Os seus familiares din que planeaba retirarse no seu país de orixe.

Horizonte penal de Ana Julia

Polo momento Ana Julia Quezada é a unica sospeitosa da morte do neno Gabriel Cruz. Chegado o momento, se o crime fose cualificado como asasinato e houbese condena tras o xuízo, a persoa responsable podería enfrontarse a prisión permanente revisable.

Entre os delitos aos que se lle pode aplicar esta pena inclúese o asasinato de menores de 16 anos, como é o caso de Gabriel Ruiz, quen tiña 8 anos. 

A prisión permanente revisable suporía unha pena mínima de 25 anos de cárcere. 
Se o crime fose cualificado como homicidio coa agravante de tratarse dun menor, a pena oscilaría entre os 15 a 20 anos. 

Antes de chegar a eses supostos, o máis inmediato é que mañá mércores ao mediodía se cumprirá o prazo de detención de 72 horas para que Ana Julia Quezada pase a disposicion xudicial. Será no xulgado de instrucion numero 5 de Almería. O xuíz deberá decidir qué delitos se lle imputan e se decreta prisión provisional para ela.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/03/2018