CRTVG

Buscar

A familia das vítimas describe a José Luis Abet Lafuente como autoritario e distante

Publicado o 17/09/2019 21:58

José Luis Abet residía nesta casa da aldea de Carballido, situada a poucos metros do núcleo urbano de Bertamiráns, en Ames. Vivía desde que se separou, din os veciños, coa súa nai e cunha irmá, e o seu pai faleceu hai meses. Aquí chegaron desde Castrigo, outra aldea de Bertamiráns hai cousa de dez anos.

Na casa familiar había este martes varios coches á porta. Pero gardan silencio. Só o rompen para pedir que os deixen tranquilos. A nai do autor confeso do triplo crime machista parece que precisiou atención médica. Unha ambulancia trasladouse á casa cando a Garda Civil chegou para deter o seu fillo.

Os veciños coméntanos que case non tiñan relación nin con el nin coa familia. Mesmo algúns nin sabían que estaba vivindo alí. Explican que prefiren non falar diante das cámaras por medo, din, a ter problemas coa familia.

En cambio, en Valga os veciños e os achegados das vítimas si que din que o coñecen. Afirman que lle facía a vida imposible a Sandra, a súa ex-muller. Defíneno como un home autoritario, distante e brusco. Están convencidos de que tiña previsto cometer os asasinatos.

"Xa o tiña que ter moi preparado para esperar a cando ela saíra cos nenos para o colexio", di un familiar das vítimas.

"Conflitivo, provocador e moi agresivo. Pero nunca pensamos que puidese facer o que fixo. Considero que se onte nos colle pasando por diante do portal a calquera de nós ou a miña nora cando vai levar o neno ao colexio pois lévanos por diante tamén. Viña xa ao que viña. Viña disposto a todo, por desgraza, demostrouno ben claro".

"Ninguén quería ter roce con el para evitar problemas. Sacoulle a machada ao meu fillo e nin o denunciamos, ao contrario, denunciounos el a nós. Sacoulle a maceta a un veciño e foi el denunciar o veciño e o xenro", di un veciño das vítimas.

Os veciños de Valga tamén apuntan que as cámaras de seguridade na casa foron colocadas José Luis Abet hai cousa de seis anos. Din os veciños, que o fixera debido ao seu carácter desconfiado, tras os enfrontamentos que tivera con eles.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/09/2019