A familia de Déborah Fernández pide a exhumación do cadáver 19 anos despois do crime
Novidades importantes no caso de Deborah Fernández, a moza viguesa que aparecera morta nunha cuneta en 2002. A súa familia pide a exhumación do cadáver amparándose nun informe médico que sinala indicios de morte violenta por asfixia. Din que é unha medida dolorosa para eles, pero necesaria para aclarar que lle pasou.
Foi a propia familia de Déborah a que solicitou o informe, descontenta coa investigación do caso.
Rosa Fernández-Cervera, irmá de Déborah: "Faltaba moita información que non acababa de certificar como fora a sua morte. Puxémonos en contacto con varios equipos forenses para ter unha segunda, unha terceira opinión, e acabamos contratando un deles para ter un arquivo que presentar no xulgado".
Este informe, que xa presentaron perante o xulgado de Tui que leva o caso, conclúe que Déborah faleceu por asfixia e desbota a morte natural. Tamén contempla indicios de que a moza, que tiña 22 anos, tratou de defenderse.
Rosa Fernández-Cervera, irmá de Déborah: "Automaticamente, cando recibimos o informe, unha das posibilidades que plantexamos foi a exhumación do cadáver por se puidesen quedar mostras de ADN ou calquera resto biolóxico que poida aclarar o que aconteceu. A medida que a familia poñemos medios, seguen saíndo informacións que deixan claro que isto non foi algo fortuíto".
Déborah foi vista por última vez en abril de 2002. Saíra correr por Samil. Atoparon o seu cadáver aos 10 días a 40 quilómetros, nunha cuneta do Rosal. Estaba espida e lavada, cuberta cunhas follas.
Rosa Fernández-Cervera, irmá de Déborah: "Eu só espero que este informe axude a remover conciencias. O que temos que facer como sociedade é loitar para que isto saia á luz e evitar que este homicida lles siga facendo fechorías a outras familias".
O caso reabriuse en novembro de 2019, pero sufriu numerosos paróns pola pandemia. Levan declarado 15 testemuñas.