CRTVG

Buscar

A familia asegura que ningún dos tres afogados na piscina de Mijas sabía nadar

Publicado o 26/12/2019 17:17


Comeza a esclarecerse o misterio sobre a morte de tres membros dunha familia británica nesta piscina de Mijas, en Málaga. E a clave deuna unha das testemuñas do suceso: a filla do home falecido e ao mesmo tempo irmá dos dous rapaces tamén afogados.

A rapaza dixo ante a garda civil que ningún dos tres sabía nadar. Primeiro botouse á auga a nena de 9 anos. O pai, de 53, tratou de sacala pero non puido, polo que o outro fillo de 16 anos se botou á auga para socorrelos. Tamén lle foi imposible.

As autopsias confirmaron que os tres morreron afogados. Pero nos seus corpos non hai pegadas de hematomas nin de intoxicación.

Tampouco apareceu nada relevante no recoñecemento médico que se lle fixo á outra irmá que estivera coa máis pequena na piscina e que saíra dela pouco antes do suceso.

O xuíz autorizou xa a reapertura da piscina despois de comprobar que a instalación non presentaba ningún problema.

Agora só queda pendente de declarar a nai da familia, que segue en estado de conmoción atendida por un grupo de psicólogos.