CRTVG

Buscar

A falta de sol mingua a produción de pementos de Herbón

Publicado o 02/08/2021 15:15

Nesta época do ano o pemento de Herbón debería estar no seu mellor momento, pero non é así. As plantas están carentes de sol, fáltalles calor. Iso sábeo ben quen leva décadas cultivando estes froitos.

José Manuel Ferro, propietario de Pementos Carmucha, asegura que "é un ano moi atípico, en cincoenta anos que non recordo nunca este verán. É un verán de outono, frío de noite e iso para o pemento é prexudicial, o pemento necesita un microclima entre 26 graos de día e sobre 15, 16 graos de noite".

O verán non está proporcionando as temperaturas que os pementos precisan. E iso está afectando ao seu crecemento.

Telvina Miguéns, empregada de Pementos Carmucha, explica que "non foi calor de noite e os pementos crecen de noite, non crecen de día. De noite foi frío, este ano non temos verán. Entón o pemento, segundo o terreo que sexa, é mellor ou peor. Este, por exemplo, ten un terreo estupendo, está verdiño, brilla e está que da gusto velo".

Pero en moitas das plantacións aos pementos estalles custando alcanzar o punto de maduración ideal para ser apañados.

Carmen Carou, empregada de Pementos Carmucha, afirma que "o tamaño ideal co que traballamos nós, ao ser unha denominación de orixe, é sobre os dous centímetros, non moito máis. O que é pequeniño non vale, o grande tampouco vale, se ten algunha malformación tampouco vale".

Dende o sector aseguran que este sería o momento tamén de maior demanda do pemento de Herbón. Pero tanto a oferta como a demanda son atípicas neste verán de 2021.

José Manuel Ferro, propietario de Pementos Carmucha, sostén que "estamos a 2 de agosto e non estamos nin ao 40 % da colleita. Só nos quedan 20 días bos, partir do 22 de agosto o turista xa comeza a marchar e nos vivimos da hostalería e a hostalería tampouco está traballando moi ben este ano".

Unha produtora como Pementos Carmucha chegaba a producir no verán uns 15.000 quilos de pementos. A día de hoxe levan recollidos uns 7.000 quilos, e din que se o tempo continúa así, non chegarán aos 9.000 a final de temporada.

Noticias web

02/08/2021