A falta de sol atrae a Compostela milleiros de turistas desde a costa
Unha exposición sobre a ourivaría artesá de Compostela pode ser unha boa maneira de comezar o día na cidade. A histórica casa do Cabido, en plena praza de Praterías, pódese visitar de balde, e sen mollarse, e iso quizais incrementou notablemente este verán o número de visitas.Así o confirma Alejandra, recepcionista da Casa do Cabido, que asegura que "pasamos dunhas 70 visitas diarias a máis de 150, sobre todo de turistas nacionais e locais".
Turistas doutras comunidades autónomas que se aloxan no Salnés, na Arousa ou noutras zonas de costa buscan alternativas á praia e Compostela é unha das opcións estrela. Non hai máis que ver o balbordo de xente nos arredores da catedral que lembra os tempos prepandemia.
Así que ao incremento de peregrinos, con case 1.500 compostelas seladas na xornada de onte, súmase a afluencia de visitantes desde a costa, que aproveitan para pasear por Santiago entre chuvasco e chuvasco. Á maior parte non lles amola o mal tempo, aínda que, sobre todo os procedentes da Meseta ou da área mediterránea están pouco afeitos a levar o paraugas por se acaso. A hostalaría traballa a medio gas, porque poucos arriscan a sentar nas terrazas pero museos, praterías e tendas de recordos de toda a zona vella xa comezan a facer o agosto.