Á falta de procesións, a Semana Santa de Viveiro reinvéntase
Malia non haber procesións, a Semana Santa de Viveiro segue tomando as rúas. Os estandartes, os hábitos ou as cruces das distintas confrarías ocupan os escaparates da vila, onde poden ser contemplados por veciños e visitantes.
Carmen Chipe, voceira da Xunta de Confrarías de Viveiro: "Estamos a vivir un ambiente totalmente de Semana Santa. Non se ve unha vila deserta ou triste, senón que a xente está vivindo esta experiencia. De feito, con isto dos escaparates, a xente vai buscando onde hai outro e outro. É dicir, hai un paseo coa ruta dos escaparates". José Luis Couceiro, vicepresidente da Xunta de Confrarías de Viveiro: "O patrimonio de cada confraría. Sacamos un pouco o patrimonio a exposición, para que a xente que veña a Viveiro, que algunha vén, vexa o patrimonio que temos en cada confraría".
En canto á ocupación hostaleira prevista para esta semana, polo momento reservouse un discreto 20 por cento das prazas. Así e todo, prevese que esta porcentaxe aumente cara á ponte.
Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Casco histórico de Viveiro: "Agora mesmo hai unha ocupación moi baixiña, esperando que se incremente de cara á fin de semana. A partir do mércores, esperamos que aumenten, igual que pasaba en anos anteriores, as reservas".
Ademais de escaparates con estandartes e hábitos, os visitantes tamén poden ver exposicións na rúa e no claustro de San Francisco.