A falta de doses obriga a pospoñer tres días a vacinación na Coruña-Cee
Publicado o 29/07/2021 14:40
Non hai doses suficientes e hai que baixar o ritmo de vacinación nesta área sanitaria da Coruña-Cee. Despois de inocular preto de 25.000 persoas esta semana, no recinto de Expocuña e no hospital Virxe da Xunqueira toca facer unha parada de tres días á espera de máis vacinas.
Hoxe están citadas 5.600 persoas, maioritariamente mozos de 20 a 29 anos que reciben a primeira dose do soro de Pfizer. Tamén acoden repescados de franxas de idades xa inmunizadas, futuros estudantes de Erasmus e algúns adolescentes convocados mediante a autocita.
No conxunto da comunidade xa son máis de 1.700.000 as persoas coa pauta de vacinación completa, son o 70 % da poboación diana.