CRTVG

Buscar

A falsificación de carnés venezolanos prexudica os transportistas que tiñan a licenza legal

Publicado o 19/04/2021 14:10

Anderson traballaba de transportista en Barcelona ata que a primeiro de marzo tivo que volver a Pontevedra. É retornado venezolano e citárono da Garda Civil de Tráfico para que devolvese o permiso de condución; o español e o de Venezuela. Asegura que a súa validación foi legal e que o seu documento é anterior ao modelo venezolano en PDF que propiciou unha onda de falsificacións. Ten un papel xustificativo, pero sen o carné físico non o contratan de chofer.

Anderson Moreno, transportista prexudicado, engade: "Pero non me permiten traballar, polo que estou nunha situación bastante grave, porque do que eu gaño tamén depende a miña muller e o meu bebé de tres meses. Entón, estou nunha situación bastante delicada, por dicilo así".

Acode á asociación de venezolanos en Pontevedra na procura dalgunha posibilidade de traballo. A secretaria de Asovedra, Mónica Brenna,  dinos que a fraude na falsificación está a prexudicar moitos inmigrantes que tiñan a súa licenza de conducir legal: "Agora están a meter a todos no mesmo saco. O que queremos é que haxa máis intercambio de información entre o Goberno español e o venezolano para aclarar esta situación".

As falsificacións están a ser investigadas desde hai máis dun ano. A Policía Nacional leva interceptados máis de 8 carnés de conducir de venezolanos con outros tantos detidos, seis deles en Vigo. Como consecuencia da fraude, está suspendido o trámite de validación polo carné español.

Noticias web

19/04/2021