CRTVG

Buscar

A factoría de Alcoa continuará traballando despois de se confirmar que as súas actividades son esenciais

Publicado o 30/03/2020 21:15

Onde aínda había incerteza sobre se tiñan ou non que parar era na factoría de Alcoa, pero hai un par de horas o Ministerio de Industria comunicáballes que se enmarcan dentro das actividades esenciais e seguirán producindo.

Despois de que a empresa lle pedira a Industria que concretara expresamente se Alcoa debía parar ou non, contra as sete da tarde chegaba esa confirmación de que poden seguir traballando. Os 2.000 empregados da factoría levaban dende a fin de semana coa incerteza de que ía pasar, pero finalmente seguirán producindo con normalidade. Tanto a factoría de Alcoa como os seus provedores e contratistas están considerados como actividade esencial e non terán que parar de traballar. 

Finalmente a factoría de Alcoa seguirá traballando con normalidade. Malia que nun primeiro momento o BOE non especificaba donde se enmarcaba a súa actividade, e xeraba incerteza e preocupación entre os traballadores, finalmente Industria concretou que tanto a factoría de San Cibrao comoa os seus provedores e contratistas caen dentro das actividades consideradas esenciais. No comité de empresa xa destacaban que proporcionaban aluminio para diversos sectores clave.

Mentres, Alu Ibérica, propietaria das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña, paralizará a súa produción de aluminio nesas instalacións. Garantirá os servizos mínimos de mantemento, limpeza, vixilancia e servizo médico nas súas fábricas e continuará dando servizo aos seus clientes de pastas electrometalúrxicas na fábrica da Coruña.  

 

 

Noticias web

30/03/2020