CRTVG

Buscar

Catro sindicatos de Citroën solicitan a paralización da fábrica de PSA en Vigo

Publicado o 15/03/2020 18:17

Catro sindicatos con representación na fábrica de PSA-Peugeot-Citroën, UXT, CUT, CC.OO. e CIG, consideran que non se cumpren as garantías preventivas mínimas exixidas polo goberno para o desenrolo da actividade da planta. O Sindicato Independente de Traballadores (SIT), maioritario, non se manifestou.

A empresa estableceu unha serie de medidas, que para os organismos sindicais son insuficientes polo que solicitan a paralización inmediata da produción e instan á Inspección de Traballo como organismo responsable en garantir o cumprimento das medidas establecidas polo goberno,  no protocolo COVID-19, que priorice a saúde fronte a produción.

A fábrica automobilística de Citroën, en Vigo, analizaba esta mañá as posibles repercusións que poida ter na súa empresa, a entrada en vixencia do decreto publicado no BOE para evitar a propagación da pandemia do coronavirus.

Fontes próximas á empresa din que, polo de agora, mentres haxa subministración de componentes e non existan impedimentos legais, a fábrica seguirá funcionando. Hai uns días, a dirección ofertou a posibilidade de que os traballadores adaptaran as súas condicións laborais ás necesidades que se creasen co estado de emerxencia sanitaria.