CRTVG

Buscar

A exploración dermatolóxica axuda a detectar outras doenzas

Publicado o 23/05/2019 14:12

Os dermatólogos detectan a miúdo enfermidades renais, oncolóxicas, metabólicas ou hormonais examinando a pel, o pelo ou as uñas. Segundo din, a exploración dermatolóxica pode alertar de máis de mil doenzas, algunhas delas graves.

O aspecto exterior dunha persoa pode ser revelador para un médico. A cor da pel, dos ollos, o estado do pelo ou das uñas achegan pistas sobre as enfermidades que pode padecer. Un exame dermatolóxico vai máis aló, xa que axuda a detectar moitas doenzas, algunhas delas graves.

"O cancro, a insuficiencia hepática, que se determina con certa facilidade e a insuficiencia respiratoria a través das uñas. Un cancro respiratorio pode falar de uñas amarelas. Unha uña marrón pode indicar que debaixo hai un melanoma. Cando un paciente ten unha enfermidade infecciosa grave ou unha anemia importante, a súa pel e as súas uñas son moi brancas, moi claras", di Hugo Vázquez, xefe de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario de Santiago.

Se a pel está azulada, indica falta de osíxeno derivada dunha doenza respiratoria ou circulatoria, e a alopecia pode indicar anemia, problemas tiroideos ou enfermidades intestinais.

"No cadro da enfermidade de Crohn a primeira manifestación pode ser a caída de pelo, e o paciente vén ao médico porque lle cae o pelo, non porque teña diarreas, e é unha infección intestinal", engade Hugo Vázquez.

Segundo a Clínica Dermatolóxica Internacional, CDI, pel, pelo e uñas amosan datos para diagnosticar máis de mil doenzas.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019