CRTVG

Buscar

A ex-presidenta Fernández de Kirchner volve aos xulgados

Publicado o 09/11/2017 21:34

A ex-presidenta arxentina Cristina Fernández de Kirchner volveu comparecer hoxe ante a Xustiza para dar contas por presunta corrupción. Está acusada dun delito de asociación ilícita e branqueo dos cartos que recibía en concepto de subornos pola concesión de obra pública a empresarios afíns, a través dunha empresa familiar.

A imaxe de Cristina Fernández de Kirchner desfilando ante estes Tribunais Federais de Bos Aires para rendir contas ante a xustiza pola súa xestión comeza a ser habitual. A última, para prestar declaración nas investigacións do caso Hotesur, onde a expresidenta está acusada de lavado de diñeiro procedente de subornos de contratistas da obra pública estatal, a través da simulación do alugueiro de cuartos dun hotel propiedade da familia Kirchner. 

Fernández de Kirchner chegou antes da hora prevista para esquivar os xornalistas e só presentou un escrito ante o xuíz. Foi a súa quinta comparecencia nos Tribunais e tamén a máis breve. Na súa declaración, difundida nas redes sociais, a exmandataria afirma que esta acusación é arbitraria, insólita e que non ten fundamento, e pediu ser sobresida. Nos vindeiros días declararán os seus fillos, Máximo e Florencia Kirchner, tamén acusados de branqueo. 

Despois das recentes detencións de ex-funcionarios kirchneristas, agora todos os focos apuntan cara a ex-mandataria. Fernández de Kirchner ten tres procesamentos xudiciais, dous por presunta asociación ilícita na concesión da obra pública e outra por operacións na venda de futuros de dólar no mercado e que provocaron unha importante perda económica ao Estado. A ex-mandataria está á beira do xuízo oral.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/11/2017