CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

A ex-presidenta arxentina Cristina Fernández irá a xuízo oral pola causa do dólar futuro

Publicado o 24/03/2017 15:10

A ex-presidenta arxentina Cristina Fernández irá a xuízo oral pola causa do dólar futuro, que a investiga por irregularidades en operacións realizadas polo Banco Central durante o seu mandato.

Por primeira vez Cristina Fernández de Kirchner afrontará un xuízo oral.
A ex-mandataria sentará no banco dos acusados por un delito de fraude contra o Estado durante o último tramo do seu mandato.
É a coñecida como causa do Dólar futuro, que sen dúbida marcará este ano electoral na Arxentina.

A xustiza investiga se mediante o peche de contratos de futuros de dólar, o Banco Central tería pactado a venta desta divisa a un prezo que rondaba por aquel entón os 10.65 pesos por unidade, moi por debaixo do prezo establecido na Bolsa de Nova York para este tipo de operacións e que tería acarreado perdas millonarias para a entidade bancaria en beneficio de grandes corporacións.

Xunto a Fernández de Kirchner están acusados outros 14 exaltos cargos do seu Goberno, coma o ex-ministro de Economía, Axel Kicillof ou o expresidente do Banco Central Alejandro Vanoli.

Pero esta non é a única causa que a expresidenta enfronta na xustiza.
Fernández de Kirchner tamén está procesada por asociación ilícita na causa que investiga unha trama de corrupción na obra pública arxentina e mantense á expectativa do que suceda na causa Los Sauces, que a investiga por suborno e lavado de diñeiro a través dunha empresa familiar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí