CRTVG

Buscar

Galicia saúda a nova normalidade e di adeus ao estado de alarma

Publicado o 14/06/2020 21:24

Galicia abandona este luns de forma anticipada a fase 3 da desescalada e, tras deixar atrás o estado de alarma, estrea a nova normalidade. Nela, manteranse, con todo, medidas de protección como o uso de máscara e a distancia de seguridade, pero haberá ampliación de capacidades de público e de actividades permitidas. 

Unha das novidades afecta directamente ás familias. Desde hoxe, os parques infantís que estean ao aire libre poderán reabrir. Así, nesta fin de semana moitos concellos aproveitaron para desinfectar e adoptar as medidas de seguridade e hixiene necesarias para que os nenos poidan volver xogar con todas as garantías. 

Tampouco haberá a partir deste luns limitacións para as reunións nos domicilios particulares, e con carácter xeral a ocupación en restaurantes e comercios ampliarase ao 75 por cento.  

Estas son as liñas xerais que marcan esta nova normalidade:

• A ocupación máxima de praias, parques e zonas deportivas ao aire libre calcularase conforme ao cociente dunha persoa por cada catro metros cadrados.

• Nos velorios poderán participar ata 60 persoas se son ao aire libre e 30 se son en espazos pechados, e na comitiva fúnebre permítense ata 75.

• Máximo de 250 persoas en celebracións de vodas ao aire libre e de 150 en interiores, sempre sen superar o 75 % de capacidade máxima.

• Os locais comerciais non poderán superar o 75 % de capacidade nin as zonas comúns e recreativas dos centros comerciais o 50 %.

• Permítese ata o 75 % dos postos nos mercados ambulantes.

• En cinemas, teatros, auditorios e circos deberá haber butacas preasignadas e non poderá superarse o 75 % de capacidade. Nos recintos para espectáculos ou actividades recreativas tamén estará sentado o público, cun máximo de 300 persoas en lugares pechados e de 1.000 ao aire libre.

• Límite do 75 % na capacidade das piscinas.

• Nas actividades de tempo libre para a poboación infantil e xuvenil, se son en espazos pechados, non deberá superarse o 50 % da capacidade máxima do recinto, incluídos os monitores.

• As discotecas e establecementos de lecer nocturno só poderán abrir as terrazas ao aire libre.

• A regra para as terrazas admite o 75 % das mesas permitidas o ano pasado, cun máximo de 25 persoas "por mesa ou agrupación de mesas".