CRTVG

Buscar

A eutanasia será un dereito efectivo a partir do 25 de xuño

Publicado o 25/03/2021 11:52
A eutanasia será un dereito efectivo a partir do 25 de xuño

A lei da eutanasia, que permitirá solicitar axuda médica para morrer, entrará en vigor en España o próximo 25 de xuño, tras publicarse este xoves no Boletín Oficial do Estado (BOE).

A lei, que regula o dereito á eutanasia para quen sufra "unha enfermidade grave e incurable" ou un "padecemento grave, crónico e imposibilitante" que afecte á autonomía e que xere un "sufrimento físico ou psíquico constante e intolerable", establece que a entrada en vigor terá lugar tres meses despois da súa publicación.

Nese período as comunidades autónomas deberán crear as súas respectivas comisións de garantía e avaliación, órganos formados por persoal médico, de enfermería e xuristas que se encargarán de analizar todas as solicitudes de eutanasia e autorizar ou denegar cada caso.

O pleno do Congreso deu luz verde a esta lei o pasado 18 de marzo co rexeitamento do PP e de Vox, que anunciou que a recorrerá ante o Tribunal Constitucional.

A norma, impulsada polo PSOE, legaliza a eutanasia e regula o proceso para solicitar e executar a axuda médica para morrer, que se inclúe como unha prestación de financiamento público no Sistema Nacional de Saúde.