CRTVG

Buscar

A Eurocámara pide a prohibición de fundacións "que exalten o fascismo" como a de Franco

Publicado o 25/10/2018 22:12

O pleno do Parlamento Europeo pediu este xoves aos gobernos do bloque comunitario a prohibición das fundacións e asociacións "que exalten e glorifiquen o nazismo e o fascismo", nunha resolución que fai referencia á fundación Francisco Franco como "unha entidade que glorifica unha ditadura e os seus delitos".   

A resolución, que contou co apoio de 355 votos a favor fronte a 90 en contra e 39 abstencións, pide aos gobernos da UE que tomen medidas para "condenar e sancionar con dureza os delitos de odio" e tomen "medidas suplementarias" para facer fronte á normalización dos discursos fascistas e xenófobos.   

Así, os principais grupos políticos da Eurocámara puxéronse de acordo para denunciar conxuntamente o que consideran un "auxe da violencia neofascista" en toda Europa, mediante un texto que nace como consecuencia da agresión á eurodeputada italiana Eleonora Forenza e o seu asistente tras unha manifestación antifascista en Bari (Italia) o pasado 21 de setembro. 

O texto destaca, no caso de España, a investigación contra doce membros da organización neonazi Hogar Social Madrid por incitación ao odio, a condena a membros de Falanxe, Alianza Nacional e Democracia Nacional polo ataque ao Centro Cultural Blanquerna en 2013 e as ameazas de morte contra o presidente de SOS Racismo.   

Así mesmo, dálles eco ás acusacións desde a Fundación Franco e a familia do ditador contra os cidadáns que ocuparon o pazo de Meirás no verán de 2017 para reclamar que sexa devolto ao pobo galego.  'Populares', socialdemócratas, liberais, verdes e o grupo da esquerda unitaria pediron aos vinte e oito "unidades policiais contra o odio" e instaron a Comisión Europea a que poña en marcha medidas concretas e, por exemplo, anime as organizacións da sociedade civil a que informen os discursos e crimes de odio nos países.   

Ademais, os eurodeputados pedíronlle ao Executivo comunitario que poña en marcha procedementos de infracción contra os estados membros que non cumpran cunha decisión de 2008 do Consello- a institución comunitaria que representa os gobernos -que insta a que inicien accións penais na loita contra os delitos de odio.   

A Eurocámara tamén avogou por "unha cultura da memoria común" e expresou "a súa profunda preocupación polo feito de que as xeracións máis novas se sintan cada vez menos interesadas pola historia do fascismo, e, polo tanto, corran o risco de ser indiferentes ante novas ameazas".

Eliminación da simboloxía franquista

Os grupos de esquerda (socialdemócratas, Verdes e Esquerda Unitaria) expuxeran varias mocións que finalmente prosperaron, polo que a resolución contén unha mención específica á fundación Francisco Franco e pide a España que elimine toda a simboloxía franquista ou ben se someta á "necesaria interpretación e contextualización". 

Unha das relatoras parlamentarias do informe, a eurodeputada nacionalista galega Ana Miranda (BNG/Verdes), mostrou durante a votación no pleno de Estrasburgo un par de pancartas en que pedía a ilegalización da fundación franquista e que non se repitan "nunca máis" os episodios fascistas. 

Os populares europeos -primeiro grupo da cámara- pediron durante as negociacións co resto de grupos que, para sumarse ao texto común, non debía incluírse ningún tipo de mención concreta a formacións, organizacións ou fundacións de ultradereita, e optar así por "un texto xeral" que servise para os 28 países da UE, segundo puido saber Europa Press, aínda que o texto final si contén mencións específicas. 

O eurodeputado de Ciudadanos/ALDE, Javier Nart, criticou que "socialistas e extrema esquerda quixesen romper o consenso europeo ao redor desta resolución manipulándoa para os seus particulares fins domésticos" pero mostrouse satisfeito de que os liberais apoiasen o texto "contra os ataques fascistas, racistas e xenófobos en Europa porque estamos en contra de calquera tipo de violencia".

Pola súa banda, os eurodeputados de Esquerra Republicana de Catalunya, Josep-Maria Terricabras e Jordi Solé, pediron mediante un comunicado de prensa ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que "aplique a resolución" e prohiba a fundación franquista e os partidos políticos "do mesmo signo".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/10/2018