A Eurocámara impídelle a entrada a Puigdemont na sede de Bruxelas

O Parlamento europeo impediu este mércores ao expresidente de Cataluña e ao seu exconseller Toni Comín entrar a súa sede en Bruxelas para tramitar a acreditación temporal que se dá aos novos eurodeputados, á espera de que as autoridades españolas notifiquen a lista oficial de eurodeputados. O incidente produciuse pasadas as 17:00 horas, cando Puigdemont e Comín, eurodeputados electos pola lista de JxCAT nas eleccións do pasado domingo, tentaron acceder ás instalacións da Eurocámara para solicitar o pase provisional que se outorga aos novos deputados mentres se formalizan as listas. Con todo, segundo varias testemuñas consultadas por Europa Press, cando os dous políticos cataláns chegaron, os servizos de seguridade comprobaron que os seus nomes aparecían na lista de novos eurodeputados pero marcados para indicar que non se lles facilitase a entrada. Aínda que a lista oficial dos 54 eurodeputados elixidos en España non foi comunicada aínda ao Parlamento Europeo, á espera de que acudan á Xunta Electoral Central en Madrid para acatar a Constitución e recoller a súa acta, outros eurodeputados como José Ramón Bauzá, de Cidadáns, e Diana Riba (ERC) e Pernando Barrena (EH Bildu), si puideron completar esta primeira acreditación en Bruxelas.