A Eurocámara declara "a emerxencia climática e ambiental"

O Parlamento Europeo declarou este xoves a "emerxencia climática" na Unión Europea, que se converte no primeiro continente en facelo, uns días antes do inicio do Cumio do Clima de Madrid (COP25) e dúas semanas antes de que a Comisión Europea presente o primeiro borrador do seu Pacto Verde Europeo. A breve resolución, con apenas dous parágrafos, foi acordada entre a Alianza de Socialistas e Demócratas, Renovar Europa e a Esquerda Unitaria Europea, e finalmente apoiárona tamén os Verdes, a pesar de que eles buscaban unha declaración con compromisos máis ambiciosos, e parte do Partido Popular Europeo.
O texto foi aprobado por 429 votos a favor, 225 en contra e 19 abstencións. O Partido Popular Europeo, os Conservadores e Reformistas e a ultradereita de Identidade e Democracia (IDE) votaron en contra. A resolución "declara unha emerxencia climática e ambiental" e pide á Comisión, os Estados membros e as institucións globais que "leven a cabo as accións concretas necesarias para loitar e conter esta ameaza antes de que sexa demasiado tarde", algo ao que tamén se compromete a propia Eurocámara.
Ademais, urxen a nova Comisión Europea, que comezará a súa andaina o próximo 1 de decembro tras recibir a luz verde final do Parlamento este mércores, a que "avalíe completamente o impacto ambiental de todas as propostas lexislativas e orzamentarias relevantes". A Eurocámara pide ao Executivo comunitario de Ursula von der Leyen, que fixo da loita contra o cambio climático unha das súas prioridades para a lexislatura, que se asegure de que todas as propostas "están aliñadas co obxectivo de limitar o quecemento global a menos de 1,5 graos adicionais".