CRTVG

Buscar

A estrea dun novo mercado gastronómico en Santiago anima o turismo

Publicado o 06/12/2018 22:23

En Santiago, dende esta tarde está aberto ao público un novo mercado gastronómico, con novas propostas de restauración e de coctalería. Son dous mil metros cadrados dedicados aos produtos máis senlleiros da gastronomía galega. O espazo amplía a oferta hostaleira da capital de Galicia.

Rita Sobrado, vicepresidenta da Asociación de Hostalería de Santiago e comarca: "Santiago é moi turística, pero estamos en tempada baixa. A media de ocupación para decembro estímase nun 30% e para esta ponte, sen contar as reservas de última hora, nun 53%. Anima os turistas e o consumo galego, moito, a excelente oferta gastronómica. Santiago ten moitos establecementos e, amais, de calidade. Estase facendo moi ben. Estamos recuperando estrelas Michelin e, amais, estamos mellorando a oferta de viños e de tapas...".

E nesa tendencia de, coa gastronomía, alimentar a chegada de visitantes e o consumo dos galegos, mesmo nas tempadas máis baixas canto a turismo, Compostela estrea, coa ponte, mercado gastronómico, con espazos para consumo de produtos propios de Galicia e propios da calidade que se dá en Galicia: polbo, moluscos, peixes, carnes, conservas, empanada, algas, embutidos, queixos, pans ou xeados. Só café é de importación pero con denominación única para Compostela.

Iago Díaz Pazos, director do novo mercado gastronómico de Santiago: "Pero é que amais temos cafetería, viñoteca, coctelería e un restaurante especial, que abre co impulso da experiencia de quen xa ten unha Estrela Michelin previa, de Yayo Daporta... Con esta proposta, amais, intentamos xerar emprego. Polo momento, xa son 65 as persoas contratadas directamente, pero esperamos seguir medrando e xerando emprego tamén con posto indirectos".

"Co nome de Boanerges para o novo mercado queremos honrar a Santiago cidade dun xeito orixinal, xa que ese foi o nome que seica Xexús Cristo lle deu ao Apóstolo Santiago".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/12/2018