CRTVG

Buscar

A Estrada recolle este ano dous millóns de quilos de mazá para sidra

Publicado o 25/09/2019 13:51

Co vareado, agora mecanizado, das variedades clara e branquiña empezou a recollida da mazá para sidra na zona da Estrada.

Como a gran maioría dos de por aquí, estamos nun maceiral con certificación ecolóxica. Desde a cooperativa Ullama, que agrupa 40 produtores, agardan rematar a finais de novembro unha campaña boa.

Miguel Soto, técnico da cooperativa Ullama explica: "Hai que calcular unha media cada dous anos. Vai haber máis ca o ano pasado, pero non chegaremos aos niveis de 2017, que é o ano que bateu marcas en produción".

Cada ano hai máis superficie e empezan a dar as maceiras novas e podemos ir a dous meses.
A Estrada é o principal produtor de mazá para sidra. Hai outras zonas que, pola expansión da produción ecolóxica da Estrada, tamén se están sumando, como nos concellos limítrofes de Caldas e Silleda.

Isto propicia a reconversión de terreos abandonados; a creación de postos de emprego, aínda que sexan estacionais, no rural e o establecemento de sidrerías artesás. Desas hai tres en funciomento na Estrada e, segundo o técnico de Ullama, outras dúas están en proxecto: "Estanse a recuperar sidrerías de antes. A Estrada foi sempre un concello produtor de mazá, antes para mesa e da xente maior todos facían sidra na casa e agora estase a recuperar a produción de sidra. Só falta que tamén se recupere o consumo".

Case toda a produción de Ullama vai para a fábrica de sidra de Chantada, onde o ano pasado elaboraron once millóns de litros con mazás procedentes de distintas zonas de Galicia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/09/2019

Máis sobre a estrada