CRTVG

Buscar

A estadounidense Siri Hustvedt, premio Princesa de Asturias das Letras

Publicado o 22/05/2019 13:01
A estadounidense Siri Hustvedt, premio Princesa de Asturias das Letras

A novelista, ensaísta, poetisa e estudosa feminista estadounidense Siri Hustvedt (Northfield, Minesota,1955) foi galardoada este mércores co Premio Princesa de Asturias das Letras 2019.

Nada en Minnesota en 1955, é autora de varios bestsellers como O verán sen homes, Todo canto amei, A muller temblorosa e Elexía para un americano, que supuxo a súa consagración como escritora, e as súas obras foron traducidas a máis de trinta idiomas.

 

A acta, que foi lida este mediodía en Oviedo polo presidente do xurado e director da RAE, Santiago Muñoz Machado, destacou que a obra de Hustvedt é "unha das máis ambiciosas do panorama actual das letras" e "incide nalgúns dos aspectos que debuxan un presente convulso e desconcertante, desde unha perspectiva de raíz feminista". Tanto desde a ficción como desde o ensaio, Hustvedt aborda os temas "como unha intelectual preocupada polas cuestións fundamentais da ética contemporánea", de forma que a súa obra contribúe "ao diálogo interdisciplinar entre as humanidades e as ciencias", valorou o xurado.

 

Este galardón é o quinto en fallarse dos oito premios que anualmente concede a Fundación Princesa de Asturias, tras o das Artes, concedido ao dramaturgo Peter Brook; Comunicación e Humanidades, ao Museo do Prado; Cooperación Internacional, ao educador Salman Khan e o seu Khan Academy, e Deportes, á esquiadora Lindsey Vonn.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí