CRTVG

Buscar

A estación intermodal de Santiago fai unha semana en funcionamento

Publicado o 28/05/2021 14:41

A entrada da estación intermodal, en pleno centro de Santiago, era un dos desafíos do proxecto, que este nó de comunicacións fora moi accesible para a cidadanía, subir a un bus ou a un tren sen saír da cidade.

"Si que é máis accesible e parécese máis ás estacións de toda Europa, que están centradas nun mesmo sitio", asegura unha das usuarias. 

A intermodal leva case unha semana funcionando. Seis días de estrea en que se recollen as primeiras impresións.

"En canto á limpeza, a servizos, á atención sobre todo nos despachos de billetes, foi unha cousa que me gustou, sorprendeume bastante", afirma un viaxeiro. Outro opina que "é un gran traballo, vese que houbo moita profesionalidade porque está moi cómodo".

A intermodal definitiva non chegará ata que se reforme a estación do tren. Pero o que xa está conseguido é que as dúas estacións estean unha a carón da outra.

"O problema é que a estación de bus quedaba moi afastada, si que agora o bo que vexo é que quedan ao lado, é a tendencia que están levando todas as cidades, unir unha estación de bus e de tren soluciona bastante as cousas", asegura un viaxeiro. 

Aínda quedan moitas fases pendentes, entre elas un servizo moi demandado.

"Unha cafetería, que a arranxen pronto, porque ás veces vai frío e un cafeciño, mira!", é a demanda dunha usuaria. 

Coas conexións ao aeroporto, a intermodal de Santiago aspira a converterse no nó de comunicacións máis importante de Galicia.

Noticias web

28/05/2021