CRTVG

Buscar

A escultura do século XVI tirada na Pobra recolocarase no cruceiro de onde a quitaron os vándalos

Publicado o 10/08/2020 14:22

Policías locais de Ribeira encontran a escultura da virxe do Cruceiro Novo

O Cruceiro Novo da Pobra do Caramiñal poderá lucir na súa integridade grazas á localización da imaxe da Virxe, que faltaba do seu sitio desde hai polo menos tres meses. Nas últimas horas foi localizada por axentes da Policía Local de Ribeira.

Esta imaxe da Virxe co Neno no colo estaba, ao parecer, tirada onda unha estrada local barbanzá. Deu con ela unha patrulla da Policía Local de Ribeira esta fin de semana pasada. E por iso, esta mañá de luns a peza estaba nesta comisaría.

A escultura, posiblemente do século XVI, pertence ao denominado Cruceiro Novo, situado na parroquia de Posmarcos, do concello da Pobra do Caramiñal.

A imaxe pétrea ocupaba a capeliña do cruceiro ata que a finais de abril, en pleno confinamento pola covid-19, alguén a levou. A falcatruada acaba en final feliz tres meses e medio despois, co achado da escultura.

O seguinte paso será que este ben patrimonial público, que foi reconstruído no século XVIII, recobre axiña a súa integridade coa recolocación da escultura pétrea na súa fornela.

 

Noticias web

10/08/2020