CRTVG

Buscar

A Revista

A escritora, guionista e dramaturga Claudia Piñeiro, oradora principal da prestixiosa Feira do Libro de Bos Aires

Publicado o 16/03/2018 12:45

A oradora principal da prestixiosa Feira do Libro de Bos Aires neste 2018 será unha galego-arxentina: a escritora, guionista e dramaturga Claudia Piñeiro.

A 'best-séller' arxentina Claudia Piñeiro, férrea defensora da súa galeguidade, será a encargada de pronunciar o discurso inaugural da próxima edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires. Unha honra que esta autora recibe con orgullo, pero tamén con moito respecto, a pesar de ocupar as cabeceiras das librerías máis importantes do mundo.

Polas súas veas corre sangue de Laza, Nogueira de Ramuín e Portosín, e iso, indefectiblemente marca tamén as súas novelas. Deixouno claro en "Un comunista en calzoncillos", onde repasa a súa infancia, porque dende ben pequena Claudia Piñeiro presume de ADN.

Claudia Piñeiro, escritora: "Eu son galega. Non pertenzo a ningunha entidade, nin vou a bailar durante a fin de semana a ningún centro galego pero cando saen noticias relacionadas con iso a min interésame".

Coñeceu Galicia con 26 anos e dende entón redescóbrea en cada nova viaxe.

Claudia Piñeiro, escritora: "Hai un son que cando vou a Galicia é o mesmo que escoitaba na casa dos meus avós, e para min é absolutamente familiar e síntome parte dese lugar, podería vivir aí".

É unha das escritoras máis traducidas da Arxentina, volveuno demostrar coa súa última obra "Las maldiciones", onde ispe a nova política. Pero tamén é unha das autoras máis cinematográficas, xa que varias das súas novelas foron adaptadas á gran pantalla.

Agora, está inmersa nun proxecto que a achega novamente á nosa comunidade. Escribir o guión dunha película sobre outro descendente de galegos, o expresidente arxentino Raúl Alfonsín.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

16/03/2018