CRTVG

Buscar

A escritora de Culleredo Pilar Pallarés, galardoada co Premio Nacional de Poesía

Publicado o 31/10/2019 13:21
A escritora de Culleredo Pilar Pallarés, galardoada co Premio Nacional de Poesía

A galega Pilar Pallarés foi galardoada este xoves co Premio Nacional de Poesía 2019, por Tempo fósil, unha obra distinguida por transmitir "con profunda sabedoría e emoción" a experiencia da perda, segundo destacou o xurado.

Pilar Pallarés (Culleredo, A Coruña, 1957) é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como profesora de literatura galega e colabora como articulista en diversos medios, como A Nosa Terra, El País ou Si scrive.

En 1979, o seu primeiro libro publicado, Entre lusco e fusco, gañou o premio Poesía Nova de O Facho, e, en 1983, a súa seguinte obra, Sétima soidade, gañou o Premio Esquío.

Posteriormente publicou, entre outros, os libros de poemas Livro das devoracións (1996), Poemas (2000), Leopardo son (2011), polo que recibiu o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e Tempo fósil (2018), merecedor do Premio da Crítica 2018.

O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.

O xurado distinguiu a obra de Pallarés por "transmitir con profunda sabedoría e emoción, a un tempo lúcida e desgarrada, a experiencia da perda e da destrución do vivido, do que nos configura, desde unha conciencia da paisaxe como un corpo vivo".

O xurado estivo presidido por Carlos Alberdi Alonso, director do gabinete do ministro de Cultura e Deporte, e como vicepresidenta actuou Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí