CRTVG

Buscar

A Escola Naval Militar recibe en Marín 114 novos alumnos

Publicado o 19/08/2019 17:08

Podíanse ver os nervios agarrados ás maletas que chegaron a Marín de diversos puntos coma Cantabria, Madrid, Palencia, Asturias, Sevilla, Ferrol...

Son momentos de saberse a piques de dar un paso cara ao futuro. "Un pouco de nervios e moitas ganas de entrar", confesa sentir un aspirante a oficial chegado de Ferrol. "Curiosidade e algo de nervios", comenta un alumno cántabro. Son momentos de agardar ás portas da Escola Naval Militar a que pronuncien o teu nome para indicarche un destino. 

"Meu irmán entrou, e gustábame a vida que leva, así que decidín entrar aquí", di un aspirante andaluz. "Entrei por tradición e por devoción", confesa o ferrolán. 

Vanse formar para se incorporaren como militares de carreira. Son 114 novos alumnos dos que dez son mulleres. "Eu son enxeñeira aeronáutica e gustaríame traballar con avións da Armada e armamento", explica unha alumna madrileña.

E, nada máis entrar, xa teñen que deixar atrás cadansúa mochila porque aí empezan dúas semanas só de adaptación á vida militar. "Dende o momento en que cruzan a porta de Carlos I os alumnos teñen que empezar a aprender todo o que implica a carreira militar", aclara o comandante Sánchez Macizo. E repítenlles que alí a fazaña principal é obedecer.

A maioría deles farán os cinco anos desta titulación da Universidade de Vigo que habilita para ser alférez de navío, tenente... "Será duro, pero a ver se me enche máis por dentro", di o alumno de Santoña. 

Estes futuros oficiais xa esperan polo mar. "Ou o mar me espera a min", engade con seguridade o alumno de Palencia.

Tdos eles aspiran a unha profesión moi vocacional.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/08/2019