CRTVG

Buscar

A escaseza de polbo acende as alarmas no sector, que non recorda un inicio da campaña así

Publicado o 20/08/2020 15:27

No primeiro mes e medio de campaña colléronse 38.000 quilos cando a media do último decenio é de 310.000 quilos

A escaseza de polbo acende as alarmas no sector, que non recorda un inicio da campaña así

Ninguén no sector recorda un inicio de campaña do polbo tan nefasto. É unha opinión confirmada polos datos. Estas son as capturas do primeiro mes e medio desde 2010. Hai anos bos e anos malos, pero nada semellante aos 38.000 quilos deste 2020, tendo en conta que a media deste período é de 310.000 quilos.

As confrarías da Coruña cren que hai alongar a veda ata os dous ou tres meses.

 "Non queremos dicir que ese foi o único problema porque este ano aínda que houbese dous meses de veda iamos ter esta situación. Si que pensamos que o mar ten que descansar, recuperar un pouco", comenta Daniel Formoso, presidente da Federación de Confrarías da Coruña.

Medidas compensatorias para apoiar a veda

No sector hai unanimidade nisto, pero unha veda longa tamén presenta problemas doutro tipo. En Galicia hai 1.219 barcos que andan ao polbo. 

"Haberá que buscar outro tipo de medidas compensatorias, ben no plan de xestión ou ben plans de recuperación para que eses barcos queden protexidos durante un tempo e que non haxa vasculamento de frota que estrague outras pesquerías", di José Manuel Rosas, presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra.

O plan de xestión recollerá os posibles cambios

O sector demanda un estudo científico que analice as causas da situación actual. Nas próximas semanas aprobarase o plan de xestión do polbo do próximo ano e debaterase sobre outros asuntos como cambiar os meses de veda.

"Quizais o que está pasando co polbo non é unicamente consecuencia de facer o ano pasado unha parada pequena. Tamén se debe a condicións climáticas e a condicións biolóxicas da propia especie. Este episodio xa o vivimos en anos anteriores e o único que temos que ser é respectuosos coas normas e acreditar unha pesca sostible", afirma Rosa Quintana, Conselleira do Mar en funcións.

O polbo é unha especie sensible a cuestións ambientais e as capturas varían bastante dun ano a outro. Polo momento, o inicio da campaña deste ano non pode ser peor.

Noticias web

20/08/2020