CRTVG

Buscar

A escasa oferta dificulta os alugueiros de vivendas no rural

Publicado o 23/08/2021 22:04

A pesar das casas baleiras que deixa o despoboamento do rural, os que buscan alugar unha vivenda en moitas aldeas galegas non o conseguen. E non só porque as veces os prezos son elevados, senón tamén pola escasa oferta existente.

Unha escaseza na oferta debida, por exemplo, a que moitos propietarios non apostan por restaurar vivendas ou ben porque deciden dedicalas a aloxamentos turísticos. A isto súmase un aumento na demanda nos últimos tempos. Xente que quixo vir a Galicia por mor da pandemia, traballadores desprazados ou emprendedores son algúns dos perfís que buscan aloxamento no rural galego.

Din nas axencias que atopar un piso pode levar meses, e que a situación é ainda máis complicada para os que queren unha casa con terreo. Xente que chega ao rural e que podería axudar a frear o despoboamento en moitas zonas atópase cun obstáculo para alugar casa.

Moitos propietarios optan por dedicar as súas casas a aloxamentos turísticos por considerar que é máis rendible. Nas inmobiliarias din que non teñen vivendas de alugueiro en oferta, e que os clientes poden tardar meses en conseguilas. Cren que o aumento das axudas públicas ou unha maior axilidade das administracións poderían axudar a que moitas vivendas baleiras podan entrar no mercado do alugueiro.

Noticias web

23/08/2021