CRTVG

Buscar

Pablo Núñez: "Quedan dúas ou tres semanas, mínimo, de actividade volcánica"

Publicado o 26/09/2021 14:13

Para o profesional especializado, o que está ocorrendo na illa da Palma é un evento volcánico típico dos chamados "estrombolianos", con emisión permanente de lava fluída e estoupidos frecuentes.

Pablo Núñez, delegado en Galicia do Colexio español de Xeólogos, asegurou no programa Bos días da Televisión de Galicia que para saber canto durará esta erupción só queda recorrer á estatística e á historia.

"Hai seis erupcións volcánicas datadas na illa da Palma, e sabemos que as duracións desas erupcións estiveron entre os 24 e os 60 días. Isto indica que probablemente nos queden entre dúas ou tres semanas, mínimo, de actividade volcánica continua nesta ocasión", apuntou.

Eventos explosivos

O científico galego, convencido de que a lava chegará ao mar, considera que o principal problema agora mesmo é outro: "Desde o meu punto de vista, os principais problemas son os eventos explosivos, que lanzan piroplastos, que son bombas volcánicas, fragmentos moi quentes lanzados a gran distancia, e iso obriga a delimitar un perímetro de evacuación para que non afecte a poboación".

O xeólogo pensa que, cando remate esta erupción, na illa da Palma terán que repensar o urbanismo, atendendo ás indicacións científicas e aos riscos vulcanolóxicos da zona.

Noticias web

26/09/2021