Unha enquisa do diario 'ABC' prognostica a cuarta maioría absoluta de Feijóo
A enquisa de GAD3 para o ABC concédelles 41deputados aos populares, os mesmos que tiveron nesta lexislatura. Alberto Núñez Feijóo igualaría deste xeito as catro maiorías absolutas consecutivas de Manuel Fraga e, malia perder algunhas décimas en intención de voto, conservaría 3 escanos máis dos que precisa para seguir no goberno.
O PPdeG aglutinaría o centrodereita: Ciudadanos e Vox quedarían fóra do Parlamento Galego. Na esquerda, a división das forzas que concorreron xuntas como En Marea suporía a súa desfeita, da que se beneficiarían, case a partes iguais, socialistas e nacionalistas.
O PSdeG reforzaríase como segunda forza con 21 escanos, e o Bloque como terceira con 11. Os rupturistas apenas lograrían dous escanos, sempre que chegasen ao cinco por cento dos votos na Coruña e Pontevedra, as provincias onde conservarían representación.
Canto á valoración dos líderes, a enquisa do ABC volve darlle unha clara vantaxe a Feijóo sobre os seus opoñentes, dos que só Gonzalo Caballero chega ao aprobado. A fenda é aínda maior ante a pregunta de quen queren os enquisados que sexa o próximo presidente galego: aí Feijóo case triplica o segundo, que volve ser Caballero, e quintuplica a Ana Pontón, que aparece en terceiro lugar.