A enquisa do CIS concede ao PSOE 5,5 puntos máis que nas eleccións de abril
O Barómetro de Opinión do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente ao mes de setembro volveu realizar estimacións de voto, en contra da política que viña aplicando o organismo desde a chegada de José Félix Tezanos, e outorga o liderado ao PSOE cun apoio que se calcula do 34,2%, o dobre que o PP, que é segundo, co 17,1%. A abstención cífrase no 12,4%.
En concreto, o CIS calcula ao PSOE unha estimación de voto do 34,2%, case cinco puntos e medio (5,52) por encima do seu resultado do 28 de abril, pero por baixo do 41,3% en intención directa de voto que rexistrou en xullo.
O PP figura en segundo lugar co 17,1%, medio punto máis ca en abril, e detrás figuran Unidas Podemos, sumando 15,5% con Podemos, EU e as confluencias. Ciudadanos queda no 12,9% e Vox, no 7,5%.
A enquisa realizouse nos 18 primeiros días de setembro, cando se estaba negociando a investidura de Pedro Sánchez, xusto cando se certificaba a imposibilidade dun acordo, e aínda non estaba en mente dos entrevistados a presentación do partido de Íñigo Errejón.
O PSOE tamén sería primeira forza en Galicia
A sondaxe do CIS non ofrece datos de estimación de voto por comunidades, pero si os da intención directa de voto dos electores, mais a súas simpatías. Segundo esa análise, en Galicia, o PSOE sitúase en cabeza, cun 30,6%; seguido polo PP, co 18,5%; Podemos, cun 8,7%; Ciudadanos, cun 7,5%, e o BNG, cun 4,1%.
Suspenso xeral para todos os líderes
En canto á valoración xeral dos líderes políticos polos que pregunta a enquisa do CIS o suspenso é xeralizado. Pedro Sánchez é o que se sitúa máis preto do aprobado, cunha nota de 4,3. A Albert Rivera e a Alberto Garzón danlle un 3,2; seguidos de Pablo Casado e Pablo Iglesias, cun 3,1; e o peor valorado é Santiago Abascal, a quen puntúan cun 2,2.
Preocupación pola clase política
A preocupación que xera a clase política entre os españois disparouse sete puntos, marcando un novo récord, mentres PSOE e Unidas Podemos facían os seus últimos intentos para chegar a un acordo de investidura que evitase a repetición electoral.
Así o reflicte o barómetro do CIS, onde a clase política repite como segundo problema nacional, cada vez máis preto do paro, e onde tamén aumenta a porcentaxe de quen descualifica a situación política presente.
En concreto, os políticos son citados como un problema no 45,3% dos cuestionarios, a súa maior marca ata a data, e só ten por diante o paro (60%). Tamén marcan un récord as mencións ao Goberno e aos partidos (6,8%) como algo negativo, mentres que quen tacha de "mala ou moi mala" a situación política soben ata o 76,9%, crecendo case 13 puntos desde o barómetro anterior.