A enfermidade de Dent, unha doenza rara para a que buscan fondos para a investigación
A carballeira de Santa Minia de Brión será o escenario que acollerá a primeira edición do Fest for Dent. Alí vasie celebrará este festival para recadar fondos para a investigación desta doenza minoritaria. Unha iniciativa que partía por facer música dos veciños e para os veciños, que se converte en festival solidario.
"O tema foi que a cousa foi avanzando e cada vez máis grupos estaban interesados e o caso de Hugo aquí é algo público e moi querido, e todos e todas estamos centrados no tema. Entón parece que unha cousa levou a outra: se facemos un festival ten que ser coa xente de Art for Dent", di Fran Rei, promotor do festival.
Precisamente con Hugo, un neno de sete anos que padece esta enfermidade, comezou todo. As súas dotes artísticas e as súas creacións convertéronse no símbolo para dar visibilidade á enfermidade que en Galicia padecen 9 nenos. E así foi como se creou a asociación Art for Dent.
"Facemos cousas dende un punto de vista artístico que foi como xurdiu isto no confinamento. Amais de todos os produtos solidarios que vendemos grazas á empresa Rei Zentolo este tipo de eventos axúdanos moito, unha para visibilizar e outra para recadar fondos para avanzar e seguir apoiando esas investigacións", explica María Castelao.
Investigacións que se están a levar a cabo entre o Hospital Clínico de Santiago e o Vall d´Hebron, en Barcelona. E para elas será todo o recadado o sábado no Festival Art for Dent, que se realiza grazas á colaboración de veciños, empresarios e do Concello de Brión.
"Algo solidario, pero tamén comunitario. Que se xuntasen os veciños, que viñesen distintos empresarios do concello. Que se xunte un pouco o concello de Brión para facer algo bonito e solidario a prol dun fin común", conta Manuel Rey.
O prezo da entrada é de tres euros para os adultos e de balde para os nenos e pode retirarse en varios establecementos de Brión e Negreira, pero tamén na tarde do sábado onde se celebra o festival. Catro horas para gozar da música de Zona Vella, Ruth Cundíns, Música Miúda ou Gate 3, ao mesmo tempo que se colabora na investigación da enfermidade de Dent.