CRTVG

Buscar

A empresa galega Jealsa reforza a súa presenza no Brasil

Publicado o 18/09/2019 14:52

A empresa galega Jealsa reforza a súa presenza no Brasil. O presidente do grupo e o conselleiro de Economía recibiron o gobernador do estado de Ceará nas instalacións da empresa en Boiro. O motivo da visita do gobernador é ratificar os acordos para o desenvolvemento de Jealsa no Brasil. Neste percorrido polas instalacións que a conserveira ten en Boiro estivo acompañado polos responsables da empresa e o conselleiro de Economía. O presidente de Jealsa anunciou algúns dos acordos que están a estudar.

Jesús Manuel Alonso, presidente de Jealsa: "Estase a explorar algo interesante, e agradecemos á Xunta de Galicia a súa colaboración, que é a posibilidade dunha cooperación entre a Escola Náutico Pesqueira e o estado de Ceará".

Tanto o gobernador brasileiro como o conselleiro de Economía salientaron a importancia de colaborar para abrir novas oportunidades nos eidos industrial e comercial.

Camilo Santana, gobernador do estado brasileiro de Ceará: "Nós queremos fortalecer os lazos, cada vez maiores, entre os dous países".

Francisco Conde, conselleiro de Economía: "Abrir novas oportunidades para a nosa industria e o noso comercio e que, tanto Ceará como Galicia, poidamos gañar nesa visión de apertura, de internacionalización".

Jealsa facturou en 2018 preto de 640 millóns de euros. Segundo o presidente da empresa, este ano agardan chegar aos 700 millóns.

Noticias web

18/09/2019