A empresa galega Iberatlantic, distribuídora da vacina rusa en España
Había escepticismo, pero a publicación na revista científica The Lancet cos primeiros resultados da vacina rusa contra a Covid-19 son prometedores: é segura e produce anticorpos.
Son as conclusións das fases unha e dúas dun ensaio realizado a 78 persoas sas de entre 18 e 60 anos. O Goberno ruso xa puxo en marcha a fase 3, coa que agardan probar a vacina en 40.000 cidadáns.
A comunidade científica está expectante ante os resultados. Tamén a empresa viguesa Iberatlantic, encargada da distribución da vacina Sputnik V en España
Pedro Mouriño, director de Iberatlantic, explica que "estamos á espera da fase 3, e despois hai que valorar se hai mercado en Europa para comercializar".
Un mercado en que ademais hai fortes competidores, como a vacina de Oxford, da compañía AstraZeneca. De feito España sumouse xa á compra centralizada da mesma, co resto de países europeos. Adquiríronse 300 millóns de doses. Por iso no grupo vigués miran cara ao exterior
"Estamos a falar con países de Sudamérica, África e Oriente Medio. En España, en Galicia hai empresas que teñen capacidade de produción de vacinas, e baixo a cesión dos dereitos da patente, poderíamos producilos e reexportalos", explica Mariño.
Aínda sen resultados concluíntes, o certo é que as diferentes vacinas abren unha nova perspectiva na loita contra a pandemia.
José García, presidente da Asociación Española de Vacunoloxía asegura que o perfil de eficacia non está aínda ben medido, pero "as vacinas son productos que influirán no impacto da pandemia, sobre todo na poboación máis vulnerable".
Con todo a OMS asegura que haberá que agardar a mediados do ano que vén para realizar vacinacións masivas contra a Covid-19.