A empresa galega de loxística Kaleido mantén a súa actividade ao 70%
Entre as empresas que seguen traballando nesta crise está a galega de loxística Kaleido. Aínda que a carga de traballo no porto de Vigo baixou, mantén ao 70 por cento a súa actividade.
Moven pedra, aluminio ou pezas para o sector da automoción, o transporte máis afectado pola crise. A empresa, con sede en Vigo, ten presenza directa a nivel mundial. Cren que a diversificación territorial e de negocio xogan ao seu favor. Sofren, pero menos do agardado.
Xa pasaron polo peche da China en xaneiro, logo o sueste asiático e Europa, así que acumularon experiencia na procura de alternativas ao principal escollo, as restricións de aduanas e portos. Capean a situación cunha constante replanificación.
No mercado internacional, segue traballando ben en Angola, O Brasil e México. Son optimistas, os números dan e agardan vencer o virus e cumprir obxectivos antes do Nadal.