A EMA recomenda poñer doses de reforzo a persoas inmunodeprimidas e maiores
EFE
A Axencia Europea do Medicamento (EMA) subliñou este xoves que aínda non concluíu a súa avaliación dos datos sobre a dose de reforzo das vacinas da covid−19, aínda que apoiou a opción de proporcionar unha adicional como medida de precaución a persoas maiores e inmunodeprimidas.
A EMA menciona o informe técnico emitido onte polo Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC), que sinala que segundo a evidencia actual non existe unha necesidade urxente de administrar doses de reforzo de vacinas a individuos con pauta completa na poboación xeral, aínda que si se debería inxectar doses adicionais a persoas con sistemas inmunolóxicos gravemente debilitados.
A axencia lembra que é importante distinguir entre as doses de reforzo, destinadas a persoas con sistemas inmunolóxicos normais, e as doses adicionais para individuos inmunodeprimidos, como os receptores de transplantes de órganos, que mostraron unha resposta inmune inicial ás vacinas insuficiente para protexelos contra a covid−19 e unha nova inxección podería mellorar esa reacción. "En tales casos, xa se debe considerar a opción de administrar unha dose adicional", apoia a EMA. "Tamén se podería considerar a posibilidade de proporcionar unha, como medida de precaución, ás persoas maiores e fráxiles, en particular ás que viven en contornas pechadas, como os residentes de centros de atención a longo prazo", agrega a axencia europea.