CRTVG

Buscar

A EMA inclúe a miocardite e pericardite como posibles efectos secundarios de Pfizer e Moderna

Publicado o 09/07/2021 17:59

• A EMA cre é aínda “pronto” para confirmar a necesidade de terceira dose de Pfizer

 

A EMA inclúe a miocardite e pericardite como posibles efectos secundarios de Pfizer e Moderna
EFE

A Axencia Europea de Medicamentos ( EMA) confirmou este venres un “posible vínculo” entre as vacinas da covid-19 baseadas en ARNm, Pfizer/ BioNTech e Moderna, e varios casos moi raros de miocardite e pericardite desenvolvidos tras a vacinación, polo que os incluirá como efectos secundarios no seu prospecto.

O comité de seguridade ( PRAC) da EMA concluíu, durante a súa reunión esta semana para analizar a información dispoñible compartida polos médicos europeos, que os casos detectados de miocardite e pericardite desenvolvidos por algunhas persoas vacinadas con Pfizer ou Moderna poderían ser un efecto secundario deste preparado. Estes dous síntomas incluiranse a partir de agora na información do produto, xunto a unha advertencia para concienciar aos profesionais da saúde e os pacientes que reciben estas vacinas e vixíen este efecto adverso inusual.

A miocardite é unha inflamación do músculo cardíaco, e pericardite unha inflamación da membrana ao redor do corazón, e os síntomas destas afeccións inflamatorias poden variar, aínda que a miúdo inclúen dificultades para respirar, latexados cardíacos fortes que poden ser irregulares (palpitacións) e dor de peito.

Para alcanzar as súas conclusións, o PRAC analizou 145 casos de miocardite e 138 de pericardite en persoas que recibiron Pfizer, así como 19 de miocardite e 19 de pericardite con Moderna (ou Spikevax, como nome comercial), comunicados a través da base de datos Eudravigilance por países do Espazo Económico Europeo ( EEA), que inclúe os 27 da UE, ademais de Islandia, Liechtenstein e Noruega.

A EMA cre é “pronto” para confirmar a necesidade de terceira dose de Pfizer

A EMA asegurou este venres a Efe que é “demasiado pronto para confirmar” se se necesita unha terceira dose das vacinas da covid-19 porque “non hai suficientes datos” para calcular a duración real da protección, aínda que Pfizer anunciou xa que pedirán autorización para a dose de reforzo. 

Noticias web

09/07/2021