CRTVG

Buscar

A EMA conclúe que a vacina de AstraZeneca é segura e avala o seu uso

Publicado o 18/03/2021 17:45

• A Axencia non descarta totalmente un vínculo cos casos raros de tromboembolismo, polo que seguirá investigando

• O Goberno convoca ás comunidades para decidir sobre a vacinación

• A OMS pídelle a Europa que siga vacinando con AstraZenenca

A EMA conclúe que a vacina de AstraZeneca é segura e avala o seu uso

A Axencia Europea do Medicamento (EMA) comunicou este xoves o seu veredicto sobre a vacina de AstraZeneca contra a covid-19, tras analizar os casos de tromboembolismo detectados tras a inmunización con este fármaco.

O Comité para a Avaliación de Riscos en Farmacovixilancia (PRAC) da EMA ditaminou que a vacina "é segura e eficaz" e os beneficios "superan amplamente" os riscos. Por esta razón, avala que se siga a utilizar nas campañas de inmunización contra a covid-19.

Varios países, incluída España, estaban pendentes do ditame da Axencia Europea tras suspender temporamente a súa administración pola detección de varios casos raros de trombose.

Incluirá unha advertencia

A directora executiva da EMA, Emer Cooke, considerou que os expertos chegaron a unha "clara conclusión científica" de que a vacina está "a beneficiar e protexendo" os cidadáns contra a covid-19 e "non está asociada co crecemento de casos" de tromboembolismo. Porén, anunciou que se incluirá unha advertencia na información do produto para que os médicos estean alerta.

Segundo Cooke, “non hai risco xeral” do desenvolvemento de problemas de coagulación sanguínea na poboación á que se lle administre esta vacina. Con esta investigación, asegurou, a EMA cumpriu coa súa “responsabilidade de determinar que os beneficios aínda superan os riscos”.

Casos moi raros de coágulos

Malia todo, a Axencia determina no seu ditame que “a vacina pode estar asociada con casos moi raros de coágulos de sangue asociados con trombocitopenia, é dicir, niveis baixos de plaquetas no sangue (elementos que axudan a que se coagule) con ou sen sangrado”.

A EMA tampouco viu “evidencias dun problema relacionado con lotes específicos da vacina ou con lugares de fabricación particulares” de AstraZeneca.