CRTVG

Buscar

A EMA comeza a avaliar a vacina de Pfizer en nenos de 12 a 15 anos e agarda ter resultados en xuño

Publicado o 03/05/2021 18:00
A EMA comeza a avaliar a vacina de Pfizer en nenos de 12 a 15 anos e agarda ter resultados en xuño

O Comité de Medicamentos de Uso Humano ( CHMP, polas súas siglas en inglés) da Axencia Europea do Medicamento ( EMA, polas súas siglas en inglés) comezou este luns a avaliar a ampliación do uso da vacina de Pfizer-BioNTech contra a covid-19 para incluír os mozos de 12 a 15 anos.

Segundo anunciou o organismo regulador europeo a través dun comunicado, os resultados espéranse para o mes de xuño. En concreto, a EMA levará a cabo unha avaliación acelerada dos datos presentados por Pfizer, incluídos os resultados dun grande estudo clínico en curso en que participan adolescentes a partir de 12 anos, para decidir se recomenda a ampliación da indicación.

O ditame do CHMP remitirase entón á Comisión Europea, que emitirá unha decisión final xuridicamente vinculante aplicable en todos os estados membros da UE. Esta vacina está actualmente autorizada para o seu uso en persoas de 16 anos ou máis. Contén unha molécula chamada ARN mensaxeiro ( ARNm) con instrucións para producir unha proteína, coñecida como proteína de espiga, presente de forma natural no SARS- CoV-2, o virus que causa a covid-19. A vacina actúa preparando o organismo para defenderse do SARS- CoV-2.