CRTVG

Buscar

A elite mundial do clarinete xúntase este verán en Lalín da man de Xocas Meijide

Publicado o 18/05/2021 14:18

Xocas Meixide é un dos principais especialistas en clarinete baixo do mundo. Tras completar os seus estudos no conservatorio da Coruña e obter praza na banda municipal da cidade, este lalinés de nacemento culminou a súa especialización en Holanda. Alí descubriu as posibilidades deste instrumento máis aló dos canons clásicos e, segundo afirma, cambioulle a vida.

"Deume un concepto totalmente diferente, fixen o exame de fin de carreira con danza contemporánea, vídeo arte, cousas que aquí non podería nin imaxinar", lembra.

Toda esa experiencia e o seu empeño por darlle pulo ao clarinete levárono a organizar o que, en menos de dous meses, será o festival internacional máis importante celebrado nunca en Galicia arredor deste instrumento. O Xacobeo Clarinet Fest 2021 quenta motores para converter, a medidados de xullo, a vila de Lalín, na capital mundial do clarinete.

"Un festival con vinte e pico concertos nunha semana, un curso con 12 profesores de clarinete, figuras internacionais que dan clases en Colonia, en Alemaña; en Vancouver", explica Meixide.

Clarinetistas internacionais que acoden non só a impartir os seus coñecementos, senón tamén a encontrarse nunha residencia de artistas que, xunto co programa académico, prevé unha oferta cultural con cabida para a tradición oral e os monicreques, fíos condutores dos concertos diarios, dirixidos ao público xeral.

"Á parte de dar clases van dar cada un dous ou tres concertos", explica Meixide.

Alumnos del como Jorge Aldao, con quen interpreta ao clarinete 'Under pressure' de Queen, asegura que vai ser moi enriquecedor poder aprender deses mestres. A previsión é que se matriculen un cento de estudantes e músicos profesionais. Entre o 16 e o 23 de xullo a capital do Deza será, para eles, a capital do clarinete.

Noticias web

18/05/2021