CRTVG

Buscar

O Parlamento elixe a Sande, Vázquez e Muñoz como novos senadores autonómicos

Publicado o 25/06/2019 14:46

A elección dos tres representantes da Cámara galega na recentemente iniciada lexislatura da cámara alta abriu este martes o penúltimo pleno do período ordinario de sesións antes da parada estival. Un descanso tras o que, co inicio dun novo curso político, dará inicio á conta atrás cara ás eleccións autonómicas previstas para o próximo ano, unha cita coas urnas en que xa poñen a vista as forzas políticas galegas.

A elección dos senadores por designación autonómica, detonante da escisión do grupo de En Marea, foi a primeira cuestión a abordar no arranque da sesión plenaria. O ex-concelleiro coruñés José Manuel Sande, aposta dos deputados críticos con Villares que desatenderon á dirección do partido que apostaba por Mariló Candedo, foi proclamado senador xunto cos dous nomes propostos polo PPdeG os dos ex-conselleiros Jesús Vázquez e Elena Muñoz

Tanto os senadores populares como o de En Marea foron elixidos cun total de 62 votos, mentres que oito foron en branco. A votación realizouse en urna e forma secreta.

Sande, que chegou ao Parlamento acompañado por membros da dirección de Podemos, foi o único dos elixidos representantes na Cámara Alta que asisitu ao pleno.

A fractura do Grupo de En Marea coa saída do seu ata o de agora portavoz, Luís Villares, e outros tres deputados cara ao grupo mixto será outro dos puntos de atención da sesión plenaria, na que esta escisión terá limitadas consecuencias prácticas, dado que se manterá a orde do día fixada na xunta de portavoces do pasado martes, cando En Marea aínda ocupaba o lugar de primeira forza da oposición.

A ruptura de En Marea deixa en mans dos socialistas galegos a condición de segunda forza na cámara. Un lugar que asumirán ás portas de que, no último pleno ordinario antes do verán, ingrese como deputado no pazo do Hórreo o líder do partido, Gonzalo Caballero, que ocupará o lugar que deixa o vigués Abel Losada despois do seu paso á política local para ser concelleiro no Goberno olívico.  

As sesións plenarias desta mañá arrincaron cun minuto de silencio en recordo do ex-deputado do PSdeG, Raúl Fernández, falecido a semana pasada. No seu lugar no hemiciclo nesta xornada colocouse unha rosa vermella como homenaxe simbólico.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/06/2019