CRTVG

Buscar

A elección de Sande como senador autonómico volve tensar o grupo parlamentario de En Marea

Publicado o 13/06/2019 21:03

A elección do candidato de En Marea ao posto de senador autonómico volve tensar o grupo parlamentario. A dirección do partido rexeita a votación telemática promovida nas últimas horas, ao entender que foi imposta por Podemos. Gañouna José Manuel Sande, o candidato dos críticos.

A proposta de José Manuel Sande para ocupar o posto de senador por designación autonómica de En Marea vai avalada por oito dos 14 deputados. Sande é integrante da Marea Atlántica e gañou fronte ao único voto que recibiu Mariló Candedo, a aposta de Luís Villares. Houbo unha abstención e catro deputados non votaron. Son os afins á dirección de En Marea, que rexeitan o proceso telemático ao entender que foi imposta por Podemos. 

José Manuel Sande agarda que a situación se poida canalizar: "Entendo que esa é unha dinámica interna que ten que pronunciarse nas próximas horas. Creo que debemos regresar ao discurso de xenerosidade e altas miras e traballar por un espazo con pluralidade".

O resultado non é vinculante pero os críticos agardan que se acate e o de Sande sexa o nome que a dirección do partido leve á Xunta de voceiros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/06/2019