CRTVG

Buscar

A economía española sofre unha caída histórica do 5,2% no primeiro trimestre

Publicado o 30/06/2020 09:45
A economía española sofre unha caída histórica do 5,2% no primeiro trimestre

A economía española caeu un 5,2 % no primeiro trimestre do ano respecto ao anterior como consecuencia da pandemia. Así o confirmou o INE este martes. Trátase dunha caída sen precedentes desde que comezou a serie estatística, hai medio século. 

Este descenso foi consecuencia dunha caída do consumo dos fogares do 6,6 %, da inversión empresarial, do 8 %, e na vivenda, do 5,9 %. Rexistrouse tamén un afundimiento das exportaciones do 8,2 % e das importacións, do 6,6 %.

O impacto da crise da covid-19 sobre o emprego é maior nas horas traballadas, que descenderon un 5 % respecto ao trimestre anterior, ca nos postos de traballo equivalentes a tempo completo, que descenderon un 1,9 %.

Desde o punto de vista da oferta, as ramas de actividade que apuntaron maiores caídas trimestrais de valor engadido bruto foron o comercio, transporte e hostalería, cun 11,1 %; actividades artísticas, recreativas e outros servizos, 8,5 %; actividades profesionais, científicas e técnicas, 6,1 %; e información e telecomunicacións, 2,7 %.

Con todo, cómpre subliñar o incremento trimestral das actividades financeiras e de seguros, dun 3,4 %. Na comparativa interanual, a caída do PIB foi do 4,1 %, respecto ao primeiro trimestre de 2019, dato que tamén confirma o INE, cunha contribución negativa tanto da demanda nacional (consumo e investimento), de 3,7 puntos, como da externa, que restou outros 0,4 puntos.

Destruíronse, con respecto a hai un ano, 102.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo, en tanto que a produtividade por posto de traballo equivalente baixou un 3,5 %. A remuneración dos asalariados medrou un 2,6 % interanual, mentres que o excedente bruto de explotación caeu un 8,1 %.

As horas traballadas caeron un 4,2 % interanual, con maior incidencia na agricultura, 9,9 %; a construción, 9,8 %; as actividades artísticas, recreativas e outros servizos; 8,2 %; as inmobiliarias 6,9 %; comercio, o transporte e a hostalería, 6,5 %; e a industria manufactureira, 3,1 %.