CRTVG

Buscar

A economía española medra por baixo do 2% por primeira vez desde 2014

Publicado o 30/12/2019 20:04

O produto interior bruto, o PIB, medrou un 0,4 por cento no terceiro trimestre, o mesmo que no trimestre anterior. Estes datos do INE reflicten que é o menor ritmo de crecemento da economía española dos últimos tres anos.

En termos interanuais, se comparamos o terceiro trimestre de 2018 co de 2019, no deste ano, o PIB medrou un 1,9 por cento, unha décima menos que o que calculaba o Banco de España e dúas décimas menos que previsto polo Goberno. É a primeira vez desde 2014 que a economía española medra por baixo do 2 por cento.

Este crecemento do 1,9 por cento do PIB baséase case exclusivamente na demanda interna e é que medrou o consumo e o investimento. Pola contra, a achega das exportacións ao crecemento da economía foi cativa.

O emprego no terceiro trimestre desacelerou sete décimas o seu crecemento interanual ata o 1,8 por cento. É o menor crecemento anual dos últimos cinco anos. E en decembro o IPC, o Índice de Prezos ao Consumo, eleva a taxa interanual en catro décimas. 2019 vai pechar cunha inflación do 0,8 por cento. O INE atribúe este aumento, ao encarecemento dos carburantes deste mes, mentres que en decembro do ano pasado caían. E tamén inflúe pero, no sentido contrario, o prezo da electricidade, que este mes abaratou, pero o ano pasado subía.

 

Noticias web

30/12/2019